Mostrando entradas con la etiqueta criticas restaurantes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta criticas restaurantes. Mostrar todas las entradas

21 de mayo de 2010

Lisboa: un "ponto final" con moi bo sabor de boca

Recen chegada de Lisboa, apeteceme escribir en Boas Migas sobre un restaurante que me deixou moi bo sabor de boca. Despois duns días de viaxe por Portugal e pola súa capital, despedímonos de Lisboa e dos lisboetas que nos acolleron cunha cea nun restaurante cunha ubicación privilexiada.
Ponto final é un nome do máis axeitado. Para chegar alí, colles un barco na estación de Cais do Sodré. Cando aínda estás contendo a respiración polo punto de vista privilexiado e intentando identificar os monumentos da cidade que se deixa do outro lado do río, xa estás na outra beira do Tejo, en Cacilhas. Empezas a camiñar cara a dereita pola beira do río, alonxándote da civilización e adentrándote nun peirao en horas baixas ou semi-abandonado. Despois de facer varias curvas desfrutando do perfil da cidade desde a outra beira, aparece un restaurante. Pouco máis adiante e xa na fin do peirao está o Ponto Final.
Coa noite tan temperada que facía, ceamos na terraza, coas olas batendo ós nosos pes. Como é un blog de cociña direi que comemos entre outras cousas: Arroz com Tamboril, Pataniscas de Bacallau e Sericá. Ceamos moi ben, pero o verdadeiramente espectacular do restaurante é desfrutar desa terraza con vistas ao waterfront de Lisboa.
Despois de cear, de novo o percorrido cara ó barco, neste caso, rodeados pola penumbra e nunha calurosa noite do mes de maio. Desandar o camiño polo percorrer retorcido do peirao ata chegar ó embarcadoiro. Embarcar... e outra vez conter a respiración desexando que o barco se desvíe da liña recta ó cruzar e demore a viaxe uns minutos máis. Para min foi un Ponto Final perfecto á estancia en Lisboa.

Ponto Final Restaurante

Cais do Ginjal, 72

Cacilhas 2800-284 Almada

Telf. 212760743


Para opinións máis precisas deixo o link a Tripadvisor.

1 de febrero de 2010

Restaurante "O Galiñeiro", A Coruña

O restaurante "O galiñeiro" está centricamente situado na cidade de A Coruña (Plaza de Galicia, 2-3). Non ten páxina web (ou eu non a atopei), pero aquí pódese atopar a carta do restaurante (cos prezos) e algunhas opinións de clientes.
Un restaurante por dicilo de algún modo "temático", que centra a súa carta en pratos elaborados con polo ou con ovos.
Leva case un ano aberto e desde fora vése sempre ambientillo. Fun a cear alí con algúns compañeiros de traballo antes do Nadal e ese día había moita xente.
Pedimos uns entrantes para compartir (rabas de polo, croquetas e a ensalada do César) e despois un prato para cada un (ovos fritos con xamón, polo ao curry, polo en pepitoria e peituga de polo). O meu prato era peituga de polo, rechea de champiñóns e gambas, aderezada con mostaza. Para min sobraba un pouco de mostaza, pero o recheo estaba aceptablemente bo. Postres variados, viño, cerveza e unha copa antes de marchar.
O ambiente é moi agradable, a decoración moi coidada e acorde co sitio, pero o servizo deixa bastante que desexar (ó mellor era porque había moita xente).
Pagamos sobre 30 euros por persoa, un prezo que, se se cumpriran as miñas expectativas, estaría encantada de pagar, pero despois de estar alí, e a medida que pasa o tempo me parece excesivo.
A pesares de que me tiña unhas pintas fabulosas e lle tiña moitas ganas, o regusto que me deixou foi de indiferencia. Promete moito, pero ó final non chega a cumprir.

2 de diciembre de 2009

A Cantina (Doade)

Se Monforte e a Ribeira Sacra me sorprenderon e me deixaron moi bo recordo, foi tamén gracias a este restaurante. A Cantina está en Doade, baixando cara o embarcadoiro ónde se collen os catamaráns para facer unha ruta polos Canóns do Sil.
Despois de toda unha mañá de ruta pola zona, soprendéndome coa paisaxe e o esforzo titánico que supón cultivar esas terras, este restaurante case nos pasa desapercibido. Entramos porque xa era hora de comer e aínda que por fora tiña moi boa pinta, tampouco nos fixemos moitas ilusións. Sen embargo, ó entrar xa vimos que era un sitio especial, con caracter de seu.
Ahora xa non recordo moi ben o que comemos (creo que ensalada, chipiróns e algo maís), pero recordo que estaba todo boísimo. Fóra ten unha terraza-campo no que se está de vicio tomando un café. Non sei... É un deses sitios que a pesar de que pasa o tempo, o bo recordo permanece.
Por outra parte, pareceume un bo exemplo de desenvolvemento no rural, aprobeitando as posibilidades do medio e adaptándose ós tempos e os gustos dos clientes.
Aquí tamén quero volver....

26 de noviembre de 2009

A Goleta (Sanxenxo)

O restaurante A Goleta está nun sitio privilexiado de Sanxenxo, no paseo de madeira que é a prolongación do paseo marítimo ó pasar o porto deportivo. A súa situación fai que nos meses de verán sexa complicado conseguir unha mesa sen reserva. Non é un sitio barato, pero é moi recomendable para ir un día a cear.
Cada ano, en setembro, convírtese nunha visita obrigada para a miña familia. O menú pouco varía para nós, que cando nos conquista un prato gardámoslle fidelidade. A carne á pedra é o principal reclamo que nos leva alí, unha carne tenra crúa que cada un vai cociñando sobre a pedra ata atopar o punto perfecto. Ademáis unha boa ensalada mixta, chipiróns encebolados e algún pescado da ría e viño albariño da casa (que lles sae boísimo todos os anos), son as miñas recomendacións. Aínda que a empanada, a mariscada e acaldeirada de raia tampouco están nada mal. E se aínda queda ganas de postre, sempre teñen varias tartas feitas na casa.
O dono do restaurante anda por entre as mesas e os camareiros (moi amables) a pesares da rotación de personal que hai nestes sitios tan turísticos, mantéñense ano tras ano. E estas son dúas cousas que a min me gustan nun restaurante.

11 de junio de 2009

Oh! sushi, Vigo

Oh! Sushi (Florida, 10) é un dos restaurantes de comida xaponesa de Vigo. Coñecino porque se vives en Galicia, é moi probable que cada vez que escribes algun mail en gmail ou fas algunha búsqueda en Google relacionada con comida xaponesa, apareza nos Adwords. Ahora non deben ter unha campaña tan agresiva, pero o ano pasado aparecia constantemente. E por obra e gracia da publicidade creouseme a necesidade de ir.
O local é moi pequeno, con poucas mesas, pero cunha ambientación agradable e xaponesa (ou eso creo, porque nunca estiven en Xapón).
Escollemos, pedimos e mentras nos preparaba o cociñeiro a comida, puxéronnos uns entrantes para matar o gusaniño. Uns saquiños deliciosos e un pouco de ensalada. O sushi tamén estaba boísimo, con salmón e tamén con atún vermello.
O problema, como na maior parte dos xaponeses deste estilo, é o prezo, pero é asumible para ir de vez en cando. Ahora que cambiaron a web por un blog, xa vin algo que me apetece moitísimo probar.
Tamén levan a comida a domicilio, a pena é que non vivo en Vigo, senon volvería a caer e pediríaa a través dos Adwords!
Ata fai pouco pensei que era o único que había en Vigo, pero polo menos hai outros dous: Vigo Kyoto (Cuba, 28) e Yosikomo Sushi (Alfonso XIII, 12). Haberá que probalos...